Friday 10 de May de 2024

O Concello incluirá a silueta de Pedro Brandariz na praza do Humor, que será restaurada íntegramente


Inés Rey: “Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida que ficará con nós. Coa inclusión da súa ilustración teremos un recordo imperecedoiro da súa figura nas rúas da nosa cidade”

No contexto dos traballos, o Goberno municipal levará a cabo unha intervención integral para a recuperación de elementos patrimoniais que homenaxean a Castelao, Risco e Cunqueiro, entre moitos outros persoeiros

O Concello acometerá nas vindeiras semanas os traballos de reforma da praza do Humor, un espazo emblemático da Coruña aberto á cidadanía no ano 1990 e integrado por esculturas e caricaturas que representan a unha nutrida serie de figuras do mundo da arte, o humor e a literatura.

A praza, de 384 metros cadrados, conta cun pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco. Este pavimento, coñecido como ‘Viñetas’, representa, mediante ilustracións realizadas por grabado, a autores como Mark Twain, Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Molière, actores como Groucho Marx ou Mae West e personaxes como Astérix e Obélix, Charlot, Mafalda e Snoopy.

No contexto dos traballos de mellora e restauración do pavimento artístico ‘Viñetas’, a alcaldesa avanzou a creación de oito novas ilustracións de iconas culturais. Entre elas, indicou Inés Rey, destaca a que recordará ao actor e humorista coruñés Pedro Brandariz, falecido o pasado mes de febreiro aos 44 anos.

“Pedro Brandariz era unha persoa que gozaba do cariño e simpatía xeral das coruñesas e coruñeses. Sempre tiña un sorriso para a xente que estaba ao seu carón. Deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida que ficará con nós. E tras a reforma da praza do Humor, coa inclusión da súa silueta, tamén teremos un recordo imperecedoiro da súa figura nas rúas da nosa cidade”, sinala a alcaldesa, Inés Rey.

Estas oito novas ilustracións, que inclúen a de Pedro Brandariz, serán realizadas polo pintor e escritor Siro López Lorenzo —autor do deseño da actual praza do Humor— e estarán dispostas nos espazos libres dispoñibles no pavimento marmóreo.

Unha intervención integral na praza do Humor
A praza do Humor consta de dous niveis: no inferior, sobre pedestais de granito, están os bustos de Vicente Risco, Wenceslao Fernández Flórez e Julio Camba, ademais da Fonte do Gatipedro; e, por outra banda, no superior, sitúanse os bancos-escultura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Álvaro Cunqueiro.

Atendendo ás necesidades de mellora nos diversos elementos patrimoniais da contorna, o Goberno de Inés Rey porá en marcha un plan de recuperación da figura do Gatipedro, que será sometida a unha limpeza integral; os bancos-esculturas de Castelao e Cunqueiro, coa reconstrución e reintegración de perdas e discontinuidades; o busto a Vicente Risco, que tamén será restaurado; así como nas lousas do pavimento marmóreo, que serán recuperadas.